A catedral compostelá conta cunha longa tradición musical. Xa no século XII o Codex Calixtinus recompila pezas escritas a unha, dúas, e mesmo tres voces e destinadas á liturxia do Apóstolo Santiago. As primeiras referencias á existencia dunha capela musical aparecen no renacemento. Sábese que no século XVI, ademais do coro de cóengos, había cantores profesionais e nenos que interpretaban polifonía. Pronto os instrumentistas ou ministriles foron admitidos para tocar instrumentos de arco e sopro nunha capela da que tradicionalmente xa formaban parte dous organistas. Este grupo de músicos era dirixido por un mestre de capela. No século XVII varios compositores sucedéronse no devandito cargo até chegar a José de Vaquedano, un dos músicos máis importantes do barroco español, parte de cuxas obras se conservan en Santiago e que permaneceu na cidade até a súa morte en 1711. No século XVIII estiveron á fronte da capela prestixiosos compositores, como demostran os postos que algúns ocuparon despois da súa estancia en Santiago: Antonio Yangüas, por exemplo, foi nomeado catedrático de música en Salamanca, e tanto Diego Muelas como Pedro Rodrigo obtiveron o maxisterio do convento madrileño da Encarnación. As obras destes mestres mantéñense, en xeral, dentro do estilo barroco, pero algúns dos seus trazos  suxiren xa unha futura evolución de corte clasicista. No estilo clásico destacou o gran compositor Melchor López, que sucedeu ao italiano Buono Chiodi en 1783 e mantívose no seu posto até o seu falecemento en 1822. Xa finalizando o século XIX, a catedral contou coa valiosa achega musical de Santiago Tafall, aínda que este só foi mestre de capela entre 1895 e 1898. No século XX merecen especial mención os maxisterios de Manuel Soler, Nemesio García Carril e xavier Méndez.

Actualmente, a música vocal polifónica segue sendo aceptada polo Concilio Vaticano II (SC 116). En xeral, a función dos coros ou scholae cantorum é altamente valorada pola Igrexa (SC 29), especialmente nas catedrais: Consérvese e cultívese con sumo coidado o tesouro da música sacra. Foméntense diligentemente as "Scholae cantorum", sobre todo nas igrexas catedrais (SC 114).

Por iso, a catedral compostelá desexa conservar e dar a coñecer o tesouro sacro-musical herdado, favorecendo a vixencia da tradición e alentando o uso de música nova nun repertorio equilibrado, no que o histórico e o actual convivan en perfecta harmonía. Tal desexo materialízase coa actividade da Capela de Música (coro de adultos e instrumentistas) e na Escolanía Anxos de Compostela (coro infantil), que axudan a solemnizar a liturxia catedralicia.

Capela de Música

Dende 1988 a Capela de Música canta baixo a dirección de Miro Moreira, experimentando esta unha profunda remodelación e desenvolvéndose como coro mixto. O seu principal obxectivo é cantar nos actos de culto da catedral  e favorecer  a participación dos fieis nas celebracións. Dentro dun repertorio coidadosamente seleccionado destaca a transcrición, interpretación e gravación de obras de insignes mestres de capela composteláns, así como promover a creación  e a estrea de nova música para a liturxia catedralicia.

Escolanía anxos de Compostela

A Escolanía Anxos de Compostela, fundada por Mariano Pérez Gutiérrez pouco despois do seu nomeamento como mestre de capela en 1964, proporcionou a moitos nenos composteláns o seu primeiro contacto coa música. Dedicado sobre todo a solemnizar a liturxia da catedral, o coro pronto seguiu unha brillante traxectoria, por exemplo participando con gran éxito no prestixioso certámen de Loreto (Italia) e cantando naquel santuario unha misa transmitida por Eurovisión a toda Europa en abril de 1968. Na actualidade a escolanía está integrada por 20 nenos e nenas, sendo dirixida dende a súa refundación en 2008 por José Luís Vázquez. Ademais de actuar regularmente na liturxia catedralicia tamén o coro participou en acontecementos tan relevantes como foi a visita a Santiago do Papa Benedicto XVI en 2010 (conxuntamente coa Real Filharmonía de Galicia) e en numerosos actos organizados por Concello de Santiago, o Consello da Cultura Galega, a Xunta de Galicia, etc.

Ademais da polifonía, na catedral compostelá practícanse os outros dous os xéneros de música vocal mencionados no Concilio Vaticano II, isto é, canto gregoriano e o canto relixioso popular.

A Igrexa outorga ao canto gregoriano o primeiro lugar nas accións litúrxicas, recoñecendo que se trata do canto propio da liturxia romana (SC 116). En ocasións os cantores catedralicios interpretan algunhas pezas: antífonas en certas procesións e outros cantos no transcurso da misa, incluíndo varias seccións do ordinarium. Tamén nas vésperas solemnes do apóstolo Santiago (24 de xullo) cántanse fragmentos gregorianos (antífonas, salmodia, Salve Regina, etc.)

O canto relixioso popular, debe fomentarse co obxectivo de que resoen as voces dos fieis tanto en exercicios piadosos como na mesma liturxia (SC 118). O canto debe ser, pois, un medio para fomentar a participación activa do pobo na liturxia (SC 30, 113, 114, 121).

Cumprindo o prescrito pola Igrexa, é o canto relixioso popular é o que predomina na liturxia da catedral, superando aos demais xéneros en número de pezas programadas, de modo que os peregrinos e demais fieis poidan expresar a súa fe por medio da oración cantada

O son do órgano, denominado expresamente polo Concilio Vaticano II órgano de tubos e definido como instrumento musical tradicional, cuxo son pode achegar un esplendor notable ás cerimonias eclesiásticas, debe elevar as almas cara a Deus e cara ás realidades celestiais (SC 120).

O cabildo compostelán concede ao órgano catedralicio unha grande importancia, tocándose diariamente na misa do peregrino (12 h.), na misa vespertina (19.30 h.) e, en xeral, en todas as solemnidades, festas e celebracións especiais que teñen lugar no templo. O seu uso atende á necesidade tanto de acompañar o canto dos fieis e do coro como de facer soar pezas solísticas.

O órgano actual foi construído pola empresa Mascioni (Cuvio-Varese, Italia) en 1977. Trátase do único instrumento desta firma instalado en España. O concerto inaugural (17 de marzo de 1978) estivo a cargo do alemán Erich Arndt, entón organista de San Pedro de Roma.

O órgano está dividido en dous corpos situados a ambos os dous lados da nave central. As caixas barrocas que o conteñen foron talladas por Antonio Alfonsín e Miguel de Romay a comezos do século XVIII. Aínda que o instrumento incorpora algúns tubos de órganos anteriores (tanto na fachada como no interior) debe considerarse como unha obra nova, xa que a maior parte da cañotería e todos os demais elementos débense a Mascioni. Os segredos son de corredeiras e a tracción é electro-mecánica. A disposición dos xogos correspondentes ao tres teclados e ao pedalero nas caixas é a seguinte: gran órgano (II) e recitativo-expresivo (III) no lado do Evanxeo e positivo (I) e pedalero no lado da Epístola. A consola contén numerosos accesorios a disposición do organista: placas, botóns, pedais de pistón reversible e pedais basculantes. Devanditos elementos serven para fixar ou anular combinacións axustables, activar ou desactivar grupos de xogos, unir devanditos xogos cando pertencen a teclados distintos, pór en funcionamento o crescendo xeral, o tutti, etc. En xuño de 2005 foi reformada por Mascioni a tracción do órgano incorporando un combinador electrónico cuxo software pode almacenar 3 crescendi programables e 2490 combinacións que poden ser copiadas en cartóns de memoria. Ditas combinacións poden ser activadas sucesivamente con dispositivos de avance e retroceso durante a interpretación.

Actualmente, os músicos encargados de facer soar o órgano catedralicio son Manuel Cela  e Adrián Regueiro.

Órgano Mascioni - Disposición

 

Mestres de capela (época barroca):

MESTReS DE CAPela (ÉPOCA posconciliar):

órgano (rexistracións):

Órgano (repertorio litúrxico: misa, advento semana santa, pascua):

 

 

 

LIBROS e PARTITURAS

ALÉN, Mª P.: Historia da Música Galega. Cantos, Cantigas e Cánticos. A Nosa Terra, 1997.

ALÉN, Mª P.: La Capilla de Música de la Catedral de Santiago de Compostela. Ediciós do Castro, 1995.

BRESCIA, M. (Ed.): Libro de Órgano de Melchor López (1781).Consorcio de Santiago, 2011.

CAMPO OLASO, S.: La Escuela Echevarría de Organería en Galicia en El Órgano del Real Monasterio de Santa Clara de Santiago: Historia y restauración. Goetze & Gwynn, 2005. Págs. 17-135.

CANCELA MONTES, B.: Santiago Tafall. Un Músico Compostelano en los Albores del Galleguismo. Alvarellos, 2010.

CELA FOLGUEIRAS, M. J. y LÓPEZ FARIÑA, M. A.: Mariano Tafall y su Obra. Xunta de Galicia, 1996.

CELA FOLGUEIRAS, M. J. y LÓPEZ FARIÑA, M. A.: Órgano, en Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Vol. XXXIII. El Progreso-Diario de Pontevedra, 2003. Págs. 161-166.

DÍAZ Y DÍAZ, M.: El Códice Calixtino de la Catedral de Santiago de Compostela: Estudio codicológico y de Contenido. Centro de Estudios Jacobeos, 1988.

JIMÉNEZ, E.: Acordes en Sol e Lúa. Os Quince Órganos do Noso Santiago Vello. Consello da Cultura Galega. 1999.

LÓPEZ CALO, J.: Obras musicales de Fray José de Vaquedano. Cuadernos de Música en Compostela, 1990.

LÓPEZ CALO, J.: La Música de Galicia, en Galicia Eterna. Vol. IV. Nauta. Págs. 877-931.

LÓPEZ CALO, J.: La Música en la Catedral de Santiago. Vols. I-XI. Diputación Provincial de La Coruña. 1992-1999.

LÓPEZ CALO, J.: La Música Medieval en Galicia. Fundación Barríe de la Maza, 1982.

LÓPEZ CALO, J. y TRILLO, J.: Melchor López. Misa de Requiem. Cuadernos de Música en Compostela, 1987.

LÓPEZ CALO, J. y VILLANUEVA, C. (Eds.): El Códice Calixtino y la Música de su Tiempo. Fundación Barríe de la Maza, 2001.

TRILLO, J. y VILLANUEVA, C.: Polifonía Sacra Galega. Ediciós do Castro, 1982.

VARIOS, A.: La Música en la Catedral de Santiago en Ritmo, nº 527, 1982. Págs. 8-30.

WHITEHILL, W. y PRADO, G.: Liber Sancti Iacobi. Codex Calixtinus. 3 vols. Seminario de Estudios Gallegos, 1944.

VILLANUEVA, C.: Las Lamentaciones de Fray José de Vaquedano. Universidade de Santiago de Compostela, 1992.

VILLANUEVA, C.: El Pórtico de la Gloria. Música, Arte y Pensamiento. Universidade de Santiago de Compostela, 1988.

 

PARTITURAS

Himno ao Apóstolo Santiago

 

DISCOS

Órgano Mascioni de la catedral compostelana - CD Obras de órgano de Melchor López

Capilla musical de la catedral y Capela Compostelana - CD Eclesiastico Canto

Grupo Martín Códax - CD Devotio

Órgano Mascioni de la catedral compostelana - CD Colores Litúrgicos