O Museo Catedral de Santiago permite ao visitante afondar o seu coñecemento na historia e a arte da Catedral a través dos seus diferentes espazos e as exposicións temporais que organiza.

As diferentes modalidades de visita centralízanse no Centro de Recepción de Visitantes, ao que se accede desde a Praza do Obradoiro.

 

Horario:

De luns a domingo

abril - outubro: 09:00h a 20:00h / novembro - marzo: 10:00h a 20:00h

[24 e 31 decembro: 10:00h a 15:00h. 1 e 6 xaneiro, 25 xullo e 25 decembro: pechado]

Modalidades de visita:

I. Colección permanente

Xeral: 6 euros / Reducida: 4 euros

II. Pórtico da Gloria

Guiada xeral + Col. permanente: 10 euros / Guiada reducida + Col. permante: 8 euros

III. Tribuna da Catedral

Guiada xeral + Col. permanente: 10 euros / Guiada reducida + Col. permante: 8 euros

IV. Cubertas da Catedral

Xeral: 12 euros / Reducida: 10 euros

V. Escavacións arqueolóxicas

Xeral: 10 euros / Reducida: 8 euros

VI. Combinada (I + III)

Xeral: 15 euros / Reducida: 12 euros

*Tarifa reducida: estudantes, parados, xubilados e peregrinos. Tarifas especiais para grupos.

Reservas e venta online

 

Unha visita á historia e á arte da Catedral de Santiago a través das súas mellores pezas artísticas. O visitante pode viaxar no tempo e coñecer cómo a partir dun sepulcro se constrúe unha gran catedral en torno a cal, ao longo dos séculos, foi medrando unha cidade e todo un fenómeno xacobeo que, co Camiño de Santiago, xogou un importante papel na construción da identidade europea e que é, desde 1985, Patrimonio da Humanidade.

-Planta baixa: As orixes da Catedral / O Mestre Mateo / O Coro Pétreo do Mestre Mateo / A construción da catedral románica

-1º Andar: A arte na Catedral nos séculos XIII e XIV / A arte na Catedral nos séculos XVI, XVII e XVIII / OApóstolo Santiago

-2º Andar: Claustro renacentista / Capela das Reliquias / Panteón Real / Tesouro da Catedral / Biblioteca capitular / Botafumeiro / Sala Capitular

-3º Andar: Colección de artes textiles / Tapices de Rubens / Tapices de Teniers / Tapices de José del Castillo / Tapices de Goya / Balconada ao Obradoiro.

 

Edificio románico de carácter civil anexo á Catedral que debe o seu nome a Diego Xelmírez, primeiro Arcebispo de Compostela e gran impulsor da súa construción. É un espléndido conxunto arquitectónico medieval no que destacan a Sala de Armas, a Sala Manrique, a cociña e, especialmente, o salón de Cerimonias, de grandiosa monumentalidade e fermosa ornamentación con ménsulas historiadas nas que se representa un banquete real. Actualmente é sede de exposicións temporais.

 

O Pórtico da Gloria é a entrada occidental da catedral románica, ideada polo xenio do Mestre Mateo, cuxo obradoiro de canteiros interpretou as pasaxes do Apocalipsis. Considérase unha obra cumio da arte universal. A visita permite coñecer a restauración que se está a levar a cabo, co patrocinio da Fundación Barrié.

 

A cuberta pétrea da Catedral de Santiago está disposta en forma escalonada e pódese percorrer, ofrecendo unhas panorámicas espectaculares tanto da basílica como da cidade de Compostela.

 

No subsolo da Catedral, as escavacións arqueolóxicas levadas a cabo en diferentes períodos deixaron ao descuberto moitos vestixios das orixes da basílica e da cidade. Baixo o pavimento agóchase unha intrincada rede de necrópoles que se suceden desde a época romana ata o momento da construción da catedral románica, así como restos das primitivas basílicas e parte da primeira cerca defensiva da cidade de Compostela.

 

A tribuna da Catedral é o corredor que rodea todo o perímetro da basílica, como un segundo piso sobre as naves laterais. De época románica, posúe un bo número de intereantes capiteis. A visita permite percorrela na súa totalidade, para admirar a súa arquitectura e descubrir unha orixinal perspectiva do interior da Catedral. Durante a visita tamén se observan outros elementos artísticos, como son as caixas dos órganos ou a parte superior do baldaquino do altar maior.