O Botafumeiro é un dos símbolos máis famosos e populares da Catedral de Santiago de Compostela. É un incensario de grandes dimensións que se move desde a cúpula central da Catedral, desde onde colga por un sistema de poleas, cara ás naves laterais. Oito homes son necesarios para movelo, os coñecidos "tiraboleiros". Pesa 53 kg e mide 1,50 metros; está suspendido a unha altura de 20 metros e pode alcanzar o 68 km/h.

O Botafumeiro utilízase por motivos litúrxicos, do mesmo xeito que calquera sacerdote utilizaría un incensario no altar, e funciona nas principais solemnidades da Catedral, durante a procesión de entrada, ou ao finalizar a Eucaristía. Este gran incensario quere simbolizar a verdadeira actitude do crente. Así como o fume do incenso sobe cara ao máis alto das naves do templo, así tamén as oracións dos peregrinos deben alzarse cara ao corazón de Deus. E así como o aroma do incenso perfuma toda a basílica compostelá, de igual modo o cristián, coas súas virtudes e o testemuño da súa vida, debe impregnar do bo cheiro de Cristo, a sociedade na que vive.

A primeira referencia documental que se ten do Botafumeiro é unha anotación nunha folla do Códice Calixtino, no que se lle chama "Turibulum Magnum". Ao longo da historia houbo varios botafumeiros; actualmente hai dous exemplares, un en latón que data de 1851 e é obra de José Losada, substituíu ao roubado durante a ocupación francesa e é o que se utiliza habitualmente. O segundo Botafumeiro é unha réplica en prata do anterior e foi regalado ao Apóstolo polos Alféreces Provisionais en 1971. Unicamente colócase no cruceiro da Catedral cando funciona, gardándose habitualmente na Biblioteca Capitular.

 

Solemnidades nas que funciona o Botafumeiro:

-Epifanía do Señor: 6 de xaneiro


-Domingo de Resurrección


-A Ascensión do Señor


-A Aparición do Apóstolo-Clavijo: 23 de maio


-Pentecostés


-O Martirio de Santiago: 25 de xullo


-A Asunción de María: 15 de agosto


-Todos os Santos: 1 de novembro


-Cristo Rei

-A Inmaculada Concepción: 8 de decembro


-Nadal: 25 de decembro

-Traslado dos Restos do Apóstolo: 30 de decembro

Tamén pode funcionar o Botafumeiro con ocasión de peregrinacións que o solicitaron á Catedral. Para a reserva do Botafumeiro débese dirixir ao e-mail: botafumeiro@catedraldesantiago.es.